O lateral albivermello volverá esta fin de semana á convocatoria para medirse ao RC Celta Fortuna en Balaídos (domingo, 17:00 horas)
Yago Rodríguez: “Temos que acabar a tempada defendendo este escudo e competindo ata o final”

O xogador do Club Deportivo Lugo, Yago Rodríguez, compareceu este xoves ante os medios de comunicación na semana dun novo derbi galego fronte ao RC Celta Fortuna en Balaídos (domingo, 17:00 horas), un choque moi especial para o lateral galego, que regresará a unha convocatoria tras perderse a pasada xornada por sanción.
O futbolista albivermello recoñeceu o significado emocional que terá para el volver enfrontarse ao club no que se formou futbolisticamente: “Estiven dez anos na Madroa e para min este partido é moi especial”, explicou Yago, lembrando que practicamente nunca xogara contra o conxunto celeste desde as categorías inferiores.
Ademais, o defensor confirmou que aínda coincidirá con antigos compañeiros da canteira celeste: “Quedan algúns cos que compartín etapa alí, aínda que moitos xa están no primeiro equipo”.
En relación ao momento actual do equipo, Yago Rodríguez asegurou que, malia que as opcións clasificatorias son xa moi reducidas, o obxectivo pasa por rematar a tempada competindo ao máximo nivel: “Temos que acabar a tempada dando unha boa imaxe, defendendo este escudo e intentando traer os tres puntos”.
Sobre o encontro ante o segundo clasificado, o lateral albivermello mostrou confianza nas posibilidades do equipo: “Eles poden ter a posesión e correr, pero nós tamén podemos facelo. Durante moitos momentos da tempada demostramos que podemos competir perfectamente contra este tipo de equipos”.
O xogador tamén destacou a importancia do balón parado ante un rival de perfil filial: “Nos filiais o balón parado adoita ser un punto débil e temos que intentar aproveitar esas situacións”.
A nivel persoal, Yago Rodríguez fixo un balance moi positivo dos seus primeiros meses no equipo, onde acumula xa dez partidos disputados desde a súa chegada no mercado de inverno: “Estou moi contento coa cidade, coa afección e co club en xeral”, sinalou o futbolista, que ademais confirmou sentirse plenamente satisfeito coa decisión de chegar ao conxunto albivermello.
O xogador, con contrato ata 2028, tamén repasou a súa evolución táctica durante esta tempada: “Con Yago os laterais xogabamos máis por dentro e agora con Álex pídesenos máis profundidade. Son dúas formas distintas de interpretar o posto, pero síntome cómodo nas dúas”.
Por último, Yago tamén destacou a súa capacidade para adaptarse ás diferentes posicións da banda defensiva: “Na esquerda tamén xoguei moito durante a miña carreira, así que estou preparado para axudar onde o míster considere”.







