O centrocampista albivermello, renovado recentemente ata 2027, destacou a súa satisfacción por continuar no club e puxo o foco en pechar a tempada cunha vitoria diante da afección no Anxo Carro
Kevin Presa: «Queremos despedir a tempada da mellor forma posible cunha vitoria diante da nosa xente»

O xogador do Club Deportivo Lugo, Kevin Presa, compareceu este mércores en sala de prensa antes da sesión de adestramento do primeiro equipo para analizar a actualidade albivermella na semana do último partido da tempada no Anxo Carro, que medirá aos de Álex Ortiz co CD Arenteiro este sábado ás 18:30 horas.
O centrocampista galego, cuxa renovación foi anunciada polo club na xornada de onte, mostrouse “feliz de seguir aquí”, recoñecendo que a súa intención desde o primeiro momento era asentarse no proxecto albivermello: “Cando firmei o ano pasado a idea era ter continuidade aquí e non ser un xogador de paso”.
Presa explicou ademais que quixo “gañarse a renovación no campo”, demostrando o seu compromiso co club desde o primeiro día. “Quería demostrarlle ao club que era capaz de conseguilo”, afirmou.
A nivel individual, o centrocampista recoñeceu estar satisfeito coa súa tempada, aínda que considera que ten marxe de mellora. “Creo que o ano a nivel individual foi bo, aínda que obviamente sempre hai cousas que mellorar”, sinalou, lamentando que o rendemento colectivo non estivese á altura do esperado.
O xogador albivermello tamén valorou o seu papel dentro da capitanía xunto a Marc e Lago Junior, destacando que o feito de levar ou non o brazalete “non cambia” a súa forma de actuar dentro do vestiario: “Sempre intento aportar o meu gran de area”.
Xa centrado no encontro deste sábado fronte ao CD Arenteiro, Kevin Presa deixou claro que o obxectivo do equipo pasa por rematar a tempada na casa cun bo sabor de boca. “Todos os que estamos aquí temos ganas de facer un bo partido na casa, algo que fai tempo que non conseguimos”, explicou.
O centrocampista agarda un Arenteiro competitivo, a pesar da súa situación clasificatoria, e insistiu en que o Lugo debe centrarse en si mesmo: “Nós temos que pensar no noso e acabar a tempada cunha boa imaxe diante da nosa xente”.
Sobre as diferenzas entre o rendemento do equipo como visitante e no Anxo Carro nas últimas semanas, Presa recoñeceu que ao equipo lle faltou “esa garra e esa enerxía” nalgúns encontros na casa, facendo especial fincapé na necesidade de completar “un partido completo de principio a fin”.
En relación á posibilidade de acceder á Copa do Rei, o xogador albivermello lembrou que o equipo depende tamén doutros resultados, aínda que deixou claro que o primeiro paso pasa por gañar este sábado: “O único que está na nosa man é conseguir os tres puntos”.
Por último, Kevin Presa mandou unha mensaxe á afección de cara ao derradeiro encontro da tempada no Anxo Carro, recoñecendo que o equipo non estivo ao nivel esperado nos últimos partidos como local: “Gustaríanos poder devolverlle á xente ese apoio cun bo partido, unha vitoria e despedir a tempada da mellor maneira posible”.







